Saturday 27 de April de 2024

O executivo da Pobra do Caramiñal presenta un orzamento municipal para 2024 que supera os 9 millóns de euros


Crecemento económico, social e de infraestruturas son os tres principios que rexen a proposta orzamentaria que levará o goberno municipal da Pobra do Caramiñal ao pleno extraordinario do día 29 de febreiro. A contía ascende aos 9 163 339’36 euros para así lles dar resposta ás demandas da veciñanza, tras incrementa-la asignación de mantemento en tódalas áreas e nalgúns servizos dos cales a Administración local é pioneira e referente.

Créanse, polo tanto, partidas que non se recollían con anterioridade, como, por exemplo, a destinada ao patrimonio, e medran as da conciliación, da seguridade e do benestar animal, entre outras.

“Somos plenamente conscientes do que queren os nosos veciños e veciñas, froito da escoita activa. Queremos cumprir coas súas expectativas, queremos unha Pobra coidada e próspera”, nas palabras do alcalde, José Carlos Vidal.

A Pobra do Caramiñal será o primeiro concello da comarca en debate-lo seu documento económico para o exercicio de 2024. O mandatario local remarca a importancia de “contar cun orzamento actualizado para optimiza-lo desenvolvemento da actividade diaria municipal. Por iso nos puxemos a traballar nel dende o primeiro momento, como un exemplo máis do noso compromiso. Somos un executivo cohesionado, onde deixamos de lado os intereses partidistas para nos centrarmos no verdadeiramente importante: o servizo público e o ben común. E, logo de pouco máis de seis meses dende o comezo do mandato, traemos xa a nosa proposta de orzamento municipal.” Engade que “temos claro cal é o noso proxecto para A Pobra nos catro anos que temos por diante e con ese orzamento queremos seguir dando pasos firmes durante o actual exercicio, como viñemos facendo ata agora, sempre na procura da mellora da calidade de vida do pobo.”

O concelleiro da Facenda, Eloy Sobrido, salientou a importancia de aproba-lo novo orzamento cos gastos actualizados, o cal “nos vai permitir atender de maneira máis áxil as necesidades que a veciñanza nos foi transmitindo ao longo destes meses.” Destacou o crecemento do crédito destinado ao mantemento nas distintas concellarías, o reforzo de servizos, o impulso ao tecido comercial e a achega a entidades como, por exemplo, a Protección Civil.

Nesta mesma liña tamén se pronunciou a edil da Cultura, Patricia Lojo, quen reiterou a facilidade de chegar a un acordo por parte das catro forzas que integran o goberno, pois “priorizamos sempre A Pobra do Caramiñal por riba de calquera partido político”, enfatizou.

“Este orzamento responde a unha Pobra ben coidada.” Con esta expresión comezou a súa intervención a concelleira da Promoción Económica, Amparo Cerecedo. “Non só queremos ser dinamizadores; tamén motor para xerar emprego.” Isto exemplifícase en pór en marcha un programa de asesoramento individualizado para o comercio e a hostalaría, seguir coa Escola de Segunda Oportunidade, a potenciación do Coworking… Afondarase tamén no eido social (por exemplo, o espazo nas escolas e a ampliación da partida para actividades nos centros socioculturais) e en melloras de instalacións como a praza de abastos, centros socioculturais e en accesibilidade.

Tamén o edil do Urbanismo, Xosé Lois Piñeiro, se referiu ao soporte para o mantemento nas distintas áreas, como a dos Servizos Municipais, para seguir facendo énfase na limpeza, ou as consignacións para a do Turismo ou a do Medio Ambiente. “Son uns orzamentos que serven para dinamizar moitas áreas”, recalcou.